Portada

PREMIO OSÍXENO 2002

Contacta con nós

Quen somos

Onde estamos

  ESPACIOS NATURAIS DO MORRAZO 
O Morrazo, a máis meridional das penínsulas galegas, eleva o seu relevo entre as rías de Pontevedra e Vigo, que a bañan coas súas ondas polo Norte e Sur respectivamente. Aínda que estamos ante a comarca galega con maior número de hab/Km2, a excepción das cidades de Vigo e A Coruña, podemos presumir dun patrimonio natural notable, iso si, suceptible de ser mellorado.  Os amantes da natureza disfrutamos de lugares como a enseada de San Simón e marismas de Vilaboa, cabo Udra, o espacio natural protexido de cabo Home, costa da Soavela e dunar de Nerga-Barra, Carballal de Coiro, ...  

Ver afección da vía rápida nos espacios protexidos: Montes do Morrazo - Carballal de Coiro  

 

POZA DA MOURA 

ESPACIO NATURAL A PROTEXER

A Poza da Moura é unha pequena área duns 5m de diámetro, na que se embalsa de forma natural a auga do río Muiños, para despois correr augas abaixo formando unha fervenza ata o núcleo urbano de Domaio, concello de Moaña. A paraxe é dun enorme interese paisaxístico e natural, aparte do cultural e histórico, polas lendas e os muíños de auga existentes. Na actualidade está alterada pola actividade dun campo de golf.

 

CARBALLAL DE COIRO

Espacio Natural Protexido polo Decreto 242/1989

Conta cunha superficie aproximada de 365 Has. localizadas nos lindes dos concellos de Bueu, Cangas e Moaña.

A árbore dominante é o carballo (Quercus robur), acompañando a este outras árbores autóctonas coma o castiñeiro e a cerdeira, e outras aloctonas,  en concreto abonda a falsa acacia (Robinia pseudoacacia).

Loureiros, sanguiños, estripeiros, … son algúns dos arbustos que forman parte do sotobosque, sen esquecernos da xilbarbeira (Ruscus aculeatus) especie que forma a asociación vexetal que define científicamente as nosas carballeiras co nome de Rusco aculeati-Quercetum roboris.

Baixo esta cuberta vexetal viven distintas especies de flora e fauna que nutren de vida estes bosques. Paxariños coma os pimpíns, ferreiriños, gabeadores; aves de rapiña diurnas coma o azor, gabián, miñato; nocturnas como a avelaiona ou o moucho de orellas, a curuxa, son algúns dos representantes da avifauna.

Entre os mamíferos citamos a presencia do raposo, xabarín, teixugo, xeneta, esquío, … ademáis da comunidade de roedores e micromamíferos como os musgaños.

Ver máis sobre: CARBALLEIRAS -  BOSQUES DE RIBEIRA - LITORAL - HUMEDAIS

 
 
 

 
 Fondo sonoro: "Pasacorredoiras do Choqueiro" (Un gaiteiro de Cangas).