UNHA EXPOSICIÓN CON HISTORIA                          

¿Están a voltar os anos escuros?

INTERVENCIÓN DE XOSÉ Mª ÁLVAREZ CÁCCAMO

Despois de que fóra sometido a información pública o proxecto de vía rápida, en agosto de 2000, tras presentar as alegacións pertinentes, decidimos elaborar unha exposición que tería como obxectivos:

  • Dar a coñecer na propia comarca os valores naturais e culturais que atesoura.

  • Trasladar aos nosos veciños e veciñas os efectos que este tipo de obras están a producir noutros lugares.

  • Propoñer alternativas racionais e útiles para un desenvolvemento harmónico e soportable pola comarca.

Innauguramos a exposición entre os días 22 e 30 de abril de 2001, no Café Teatro do Real, Moaña, contando para a presentación coa participación de persoeiros da cultura e do ecoloxismo galegos.

O día 11 de xuño de 2001 preséntase no rexistro do Concello de Cangas solicitude ao alcalde para expoñer na Casa da Cultura entre os días 18 e 30 de xuño (Rtro. Entrada nº 4.815). Non habendo ningunha comunicación en contra, o día 18 instálanse os paneis na Casa da Cultura, procedemento habitual segundo funcionarios do concello.

O día 19 a policía local entréganos a desautorización asinada polo alcalde José Enrique Sotelo Villar: "Non se pode atender a súa petición". (Rtro. Saída nº 2.764)

En días posteriores declara na prensa local cousas como:

-“Yo estoy a favor de la vía rápida, los que estén en contra que se busquen otro sitio para sus exposiciones”,

-“La Casa de la Cultura está para cosas más importantes” (Efectivamente: ¡¡¡O día que se retira a exposición hai na mesma sala unha degustación de ternera gallega!!!)

-“Estos pretenden que en el Morrazo vivamos en las cavernas”

-“Que estén tranquilos los ecolojetas, que cuando se exponga el proyecto tendrán tiempo de manifestarse” (¡¡¡Xa pasaran nove meses da exposición pública e aínda agardabamos polas respostas ás alegacións!!!).

O día 5 de xullo solicitamos que se trate en Pleno, por trámite de urxencia, a nosa petición do local público para expoñer. Asistimos a tal Pleno, que se apraza tras unha hora de espera ás portas do Concello, por incomparecencia do secretario.

Este feito da lugar a que a Garda Civil interpoña denuncia contra un membro da Plataforma por reunión ilegal e manifestación, segundo a denuncia, portando pancartas contra a vía rápida.

Só levabamos con nós os paneis desta exposición para que o Pleno tivera coñecemento de causa, e do seu contido, á hora de decidir.

Celébrase o Pleno o día 17 de xullo e o grupo de goberno, PP, sen máis apoios, decide que a nosa moción non sexa tratada.

Convocamos a un acto que Pola Liberdade de Expresión o día 28 de xullo, sábado, ás oito da tarde, no Paseo de Eugenio Sequeiros de Cangas. É un acto cultural, con actuacións e intervencións de persoeiros da cultura galega, e do movimento asociativo ciudadán en reivindicación dunha democracia participativa. Una reivindicación da voz e da palabra que o poder e os medios ao seu servicio nos negan, e dos lexítimos dereitos que a lexislación vixente concede ás asociacións, conquistas democráticas que non estamos dispostos a perder.

No mes de agosto, solicitamos expoñer en Bueu. O Concello de Bueu, denegou permiso para que se expuxera na Sala de Exposicións “Amalia Domínguez Búa”, alegando que “a sala foi concebida para fins distintos aos que busca este colectivo con esta exposición”. O 16 de agosto, de xeito testimonial, despregamos a exposición na Praza do Concello de Bueu.

En outubro solicitamos expoñer na Casa do Mar de Aldán, petición que tamén nos foi denegada.

Con data de 23 de novembro, e despois de que foran presentadas publicamente as modificacións do proxecto a raíz da Declaración de Impacto Ambiental, volve a entrar por rexistro no Concello de Cangas, outra solicitude para expoñer durante o mes de decembro, e seguimos sen obter a autorización.

Con todo isto, presentamos unha queixa ante o Valedor do Pobo, de quen recentemente recibimos resposta:

"Recentemente tivo entrada nesta Institución informe do Concello de Cangas, asinado polo seu alcalde, por nós solicitado e referente ó obxecto da súa queixa.

Segundo o mesmo é certo que a Alcaldía ordenou retirar uns paneis da sala de exposicións da Casa da Cultura de Cangas "que foron instalados sen coñecemento nin autorización de ningún órgano da Corporación e, por outra banda, por ter un contido meramente informativo e non ter natureza cultural ou divulgativa". Precisamente é a natureza da actividade, según nos comentan, a que ó non ter caracter cultural foi a que dificultou ata o de agora a ubicación da exposición na Casa da Cultura, reservada a exposición de actividades artísticas. (Nota: Degustación de "ternera gallega", por exemplo)

Non obstante nos informan que posteriormente a súa Plataforma presentou solicitude que foi atendida en data 30/07/2002 "acordando esta Alcaldía autoriza-lo uso da galería sur da Casa da Cultura para a instalación da exposición solicitada".

Efectivamente, a última solicitude feita para expoñer no mes de agosto na planta baixa da Casa da Cultura, foi atendida, pero para a galería sur, sala nunca utilizada para exposicións, no primeiro piso e co sol apretando todo o día.

Alí expuxemos e nada dixemos, agora que conseguimos que a nosa exposición teña por fin,... "natureza cultural". Os feitos por si sós califican aos seus autores e colocan a cada un no lugar que lle corresponde.


Lugares onde se instalou a exposición:

CAFÉ TEATRO DO REAL - MOAÑA

CASA DO MAR - MOAÑA

PRAZA DO CONCELLO - BUEU

CASA DA CULTURA DE QUINTELA - MOAÑA

CENTRO SOCIO CULTURAL "ROSALÍA DE CASTRO" - DOMAIO

CENTRO SOCIO-CULTURAL "JOSÉ Mª CASTROVIEJO" - TIRÁN

CENTRO SOCIO-CULTURAL DE VERDUCEDO

CENTRO SOCIO-CULTURAL DE ABELENDO

IES DE RODEIRA - CANGAS

IES A PARALAIA - MOAÑA

IES AS BARXAS - MOAÑA

CENTRO VECIÑAL DE VILARIÑO

CEIP DE COIRO - CANGAS

PASEO DE EUGENIO SEQUEIROS - CANGAS

FACULTADE DE CIENCIAS DA EDUCACIÓN - SANTIAGO

AULA DE CULTURA DE CAIXA GALICIA - SANTIAGO

CASA DA CULTURA DE CANGAS

ASOCIACIÓN "A REVOLTA" - VIGO

ASOCIACIÓN "COVA DOS RATOS" - VIGO