Portada

Contacta con nós

A VÍA RÁPIDA, CONSTATACIÓN DA DEFICIENTE DEMOCRACIA

Son malos tempos para a democracia, nunca peores dende o remate da dictadura franquista. Un clamor xeralizado do que a cidadanía pareceu decatarse despois da burla que supuxo para as xentes da Galiza o comportamento das institucións públicas no desastre do Prestige, ou para as do estado a vergoña de verse implicados na invasión violenta dun país alleo, en defensa dos intereses imperialistas do opulento capital yanki.

Manifestación do pasado mes de novembro en demanda de responsabilidades pola catástrofe do Prestige.

Foi en gran número que as xentes deste país, e por suposto desta comarca do Morrazo, fixemos oir as nosas voces de fastío, repulsa, cabreo e ata repugnancia ante as actitudes prepotentes, indignas, autoritarias e insultantes dos gobernantes que, quen o diría, ocupaban os seus cargos por mandato democrático. Os mesmos gobernantes que coa mesma prepotencia, indignidade e autoridade impuxeron no Morrazo unha nova estrada á que lle chamaron vía rápida, corredor ou vía de alta capacidade, (agora será simple vía para automóbiles), transgredindo os procedementos democráticos e burlándose da cidadanía do Morrazo, anque curiosamente, aquí as voces de repulsa contra as violacións dos principios democráticos, quedaron afogadas polas  de complacencia, loubanza e incluso cooperación para levar a cabo a maior agresión e ocupación do territorio en beneficio dos intereses do capital especulador.

Queda cuestionada a democracia deste país, cando os procedementos de salvagarda do sistema son burlados pola autoridade que debe garantilos. Se a Lei obriga a que este tipo de obras inclúa un Estudio de Impacto Ambiental, é precisamente para protexer o territorio e os seus valores ecolóxicos, culturais ou históricos. Se dito estudio faise de trámite, sen rigor, por cubrir o expediente, estamos ante unha administración sen vontade de protexer os valores do país, sen vontade de cumprir a Lei, estamos ante unha administración antidemocrática. Non lle interesa protexer os bens públicos ante os intereses dos negocios privados.

Como constatación deste feito, as diversas deficiencias do estudio de impacto ambiental por nós denunciadas entre as que podemos citar as referidas ás augas e ao patrimonio. Non se facía referencia a como ía afectar a obra ás augas, non se fixo ningún estudio de mananciais, traídas ou regos. Os efectos desta carencia xa se están a comprobar hoxe e aínda están por ver as verdadeiras consecuencias.  

Augas que baixan do corredor abrindo 

camiño e destragando cultivos.

No apartado de patrimonio histórico dicíase no estudio que non había ningún xacemento afectado polo trazado, e ningún concello do Morrazo alegou nada en contra. Tiveron que recoñecer a afección a 31 xacementos arqueolóxicos e a destrucción de 13 deles, tralas denuncias da Plataforma Anti-Vía Rápida, aínda que ese recoñecemento non supuxo variacións de trazado para salvar eses elementos do patrimonio histórico, a pesares de que a Constitución Española da prioridade á protección ambiental e cultural sobre a política económica (Art. 45 e 46). 

 

O que queda do Petroglifo de Gondarán (Cangas). Era Ben de Interese Cultural, catalogado e protexido pola Lei.

Non quedan aí no seu afán de abuso e violación da legalidade. Impóñense unhas modificacións necesarias para poder aprobar a Declaración de Impacto Ambiental, saen publicadas no DOG, e logo ignóranse e non se trasladan ao proxecto. É a maior constatación da violación de principios democráticos fundamentais, da inutilidade dos procesos de control democrático cando o sistema esta corrupto, e do desamparo en que nos atopamos os cidadáns, incluso chegando coas nosas denuncias a toda institución que se poida recurrir.

Pero non só pisotean os dereitos dos que nos opuxemos a esta obra. Búrlanse da poboación enteira, pois coa manipulación da información e a utilización de todo o seu poder de propaganda, deixan ao cidadán indefenso. O control da información fai que se difundan ata chegar a asumirse as ideas que eles queren que asumamos. Consiguen que non se cuestione a vía rápida e incluso que se demande, porque ben se coidan de non falar doutras alternativas para mellorar a mobilidade, xustamente as que se aplican hoxe nos paises avanzados. Ocultan a información para evitar a reflexión e as posturas racionais ou críticas, facendo así que aceptemos encantados o modo de desprazamento máis caro e ineficaz. Cremos que o coche nos da liberdade pero estamos nas súas mans. 

Atascos á entrada das vilas, 

que non resolverá este corredor.

Promoven unha cultura de culto ao consumo na que o coche é elemento imprescindible porque aí están os grandes intereses das maiores empresas do país. Nin lles importan as cen vidas que se perden cada semana nas estradas,... non veremos reducir a publicidade de coches que fan incluso alarde da súa potencia, nin obrigarán a levar un letreiro no capó que diga: “Este coche mata”. Esa é a grande corrupción dun sistema que non resolve os verdadeiros problemas, se a solución implica reducir os enormes beneficios das grandes empresas.

Son eles, a grande empresa, a que goberna o país sen presentarse ás eleccións. Entón,... ¿a quen estamos a votar cada catro anos? ¿É isto democracia? 

                                                                 Luís Pérez González                                       

                                                                Plataforma Anti-Vía Rápida do Morrazo