Portada

Contacta con nós

O VOCEIRO DA PLATAFORMA
Mércores, 29 de marzo de 2006 

Luita Verde denuncia que a Administración Pública, Concellos, Mancomunidades e Xunta de Galicia, son as grandes culpables da lamentable situación do transporte colectivo no Morrazo, na ría de Vigo e por engadido de toda Galicia.

Mala ou nula regulación (as empresas concesionarias no Morrazo, tanto Mar de Ons como principalmente Monbus, incumpren moitas das cualidades do servicio e en vez de potenciar o uso do transporte colectivo producen o efecto contrario no usuari@, falla de incentivos económicos e deficiente estado das infraestructuras teñen a culpa, pero sobre todo a falla real dun Plan autonómico de mellora e divulgativo e educacional de fomento do uso do transporte colectivo. Por outra parte sigue estando tamén o apoio económico e institucional da Xunta e do Estado para a construcción de máis e meirandes estradas (vías rápidas, autovías e autoestradas), modelo este impactante que prima a utilización do transporte privado en detrimento e precariedade do transporte colectivo, e o exemplo máis próximo o temos na recen construída da vía rápida do Morrazo, que ameaza con facer diminuír no futuro a xa de por si precaria utilización do transporte colectivo da actualidade.

Con respecto á recente sentencia da UE obrigando á Xunta de Galicia a liberar a concesión empresarial do transporte marítimo na ría de Vigo, só obedece ao modelo neoliberal de xestión que promulga este Ente,  corroborado no último borrador da Constitución Europea, onde entre outras cousas avogaba por un crecemento do libre mercado en consonancia coa sostibilidade e o respecto polo medio ambiente, feito que dende Luita Verde rexeitamos por canto aí realmente o que se reflexa é unha incompatibilidade dun modelo co outro. Luita Verde ve esta futura apertura do mercado no transporte marítimo como un perigo, tanto para a economía e a atención de cara @ usuari@ , pois as empresas priorizan o beneficio económico ao servicio social (como sucede coa súa priorización do servicio ás Illas Atlánticas a conta das altas tarifas e elevada afluencia de visitantes do turismo no verán)  como tamén para o medio ambiente e a propia seguridade marítima ante a posibilidade  de masificar o tránsito de barcos de varias compañías á mesma vez pola ría.

Luita Verde avoga e defende un servicio público de transporte colectivo, tanto por terra como por mar, regulado e subvencionado, coa maior diversidade de líneas e de franxas horarias, básicamente dirixido aos núcleos residenciais urbanos e rurais nos concellos do entorno da ría e sin esperar pola regulación da Área Metropolitana, xa que a fin e a contas e debido á elevada demografía  e  o previsible aumento de poboación no futuro, somos os auténticamente necesitados. Polo contrario solicita o recorte e o control das líneas ao Parque Nacional das Illas Atlánticas, como medida de precaución e protección medioambiental. Luita Verde resalta que o transporte colectivo é necesario non só como unha alternativa aos atascos no futuro senón  porque sobre todo pode ser a alternativa á construcción de máis impactantes estradas (a construcción da vía rápida do Morrazo por exemplo, supuxo un impacto ambiental enorme, vai subir espectacularmente o parque automobilístico na comarca é no máis inmediato futuro, principalmente no verán, vai provocar máis atascos, accidentes, contaminación, etc.) e á sobreutilización do transporte privado, básicamente do automóbil, que actualmente supón a segunda causa da contaminación atmosférica detrás da industrial en Galicia, con máis do 16% de emisións de dioxinas á atmosfera.

 

O Morrazo, 3 de decembro de 2005

NOTA DE PRENSA: 

Ante a apertura da vía rápida do Morrazo, esta Plataforma, que loitou desde hai máis de dez anos contra esta obra, manifesta:

Opuxémonos desde un principio a esta vía polo gravísimo dano que ía causar á nosa comarca, e o máis grave, porque ese dano non estaba recoñecido, estudiado nin avaliado en ningún dos estudios previos obrigatorios para semellante obra.

Denunciamos a falla dun estudio hidrolóxico, e hoxe xa vemos as consecuencias na seca de mananciais e pozos, e nas riadas destructivas que se producen a nada que chove como é habitual na nosa terra.

Denunciamos a agresión ao Patrimonio Histórico cando nos estudios de impacto aseguraban que non había “ningún” xacemento arqueolóxico afectado, nin os Concellos reclamaban tal existencia (véxanse as alegacións presentadas polos Concellos), cando foron máis de 30 os xacementos catalogados os que foron afectados, 7 deles destruídos totalmente e 8 parcialmente. Os incapaces edís que non reclamaron a súa defensa no momento, hoxe gábanse dos “grandes achádegos” obtidos nas excavacións de urxencia realizadas, sen laiarse do que xa está perdido para sempre.

Denunciamos o alto custo que para o medio natural e social supuña esta obra, un alto custo que pagábamos os do Morrazo para o beneficio duns especuladores de fóra que agardaban facer un gran negocio nos montes usurpados aos veciños de Aldán, principal finalidade desta obra, como quedou claro na tramitación do Plan Xeral de Cangas.

Opuxémonos a esta vía porque entendemos que non é esta a solución para os problemas de comunicación desta comarca, e presentamos alternativas viables e racionais que aínda entendemos prioritarias e inexcusables para o verdadeiro desenvolvemento do Morrazo. Algún “iluminado” aínda ve nesta obra a saída das cavernas, cando non hai no século XXI comunidade que avance sen unhas axeitadas vías de circunvalación urbana, sen un moderno e eficaz servicio de transporte colectivo, ou sen uns equipamentos sociais acordes cos tempos. Sempre defendimos unha xestión máis racional dos recursos que se ían despilfarrar nesta obra. Se nestes 10 anos se houberan invertido os 96 millóns de euros que costou, no plan de melloras que propuxemos naquel momento, agora seriamos unha comarca moderna e ben equipada. Por ter uns políticos gobernantes miopes ou ao servicio de intereses alonxados dos verdadeiros da cidadanía, seguimos dependendo de Vigo para a prestación de servicios básicos e indispensables (sanidade, por exemplo).

Desde esta Plataforma loitamos contra esta aberración por tódolos cauces legais á nosa disposición, e non atopamos comprensión nin amparo en ningunha das institucións ás que recurrimos. Valedor do Pobo, Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Comisión Europea ou Parlamento Europeo, quitáronnos do medio con resolucións ou sentenzas pouco habituais e ao noso entender, incomprensibles.

Seguiremos loitando por outro modelo de mobilidade, pois estamos convencidos, de que as políticas de transportes e comunicacións non poden guiarse por intereses políticos coxunturais nin de especulación urbanística. A irresponsable política de fomentar e favorecer o transporte en vehículos privados nos levará sen remedio ao caos circulatorio. Se tratamos de solucionar os atascos con máis vías, simplemente trasladaremos o problema no tempo e no espacio, pero non o solucionaremos. Seguiremos a ter atascos, en outros lugares e cada vez máis graves. Proporase ampliar as vías ou facer outras novas, pero o problema seguirá sen resolverse.

Agora nos venden como un logro chegar a Vigo en 20 minutos. Non contan o tempo que perdemos nunha cidade ateigada de coches para desprazarnos ou atopar un aparcamento. En barco tamén estamos en 20 minutos. Só temos que presionar para ter un servicio de máis calidade, máis barato e con mellores combinacións. Sairemos todos gañando.

 

1 de novembro de 2005 

Nota da Plataforma Contra a Vía Rápida do Morrazo: É lamentable que o Concello de Cangas se acorde agora de facer informes dos problemas que xenera  a vía rápida, cando se negou a facer a mínima alegación nas fases de proxecto e realización da obra, considerando, e así sempre o dixeron, que o disposto polos técnicos non era discutible (os que proxectaron e realizaron esta obra foron os seus amigos da Consellería do PP).

Os membros desta Plataforma por denunciar a ausencia dun estudio hidrolóxico no proxecto, e dun estudio detallado dos impactos que ían afectar ás augas da comarca, ademáis de avisar sobre as consecuencias que hoxe empezamos a constatar, foron obxecto de insultos por parte de personaxes como o José Enrique Sotelo, que nunca se molestou en defender á Comarca das agresións que esta obra produciu sobre a paisaxe, as augas, o entorno natural ou o patrimonio cultural.  

Ver aquí as previsións que nós fixemos no seu día

3 de decembro de 2003

O Parlamento Europeo considera admisible a nosa petición e decide comezar actuacións sobre os diferentes aspectos do problema.

22 de novembro de 2003 

No verán de 2001 formulouse a Declaración de Impacto Ambiental (D.O.G. 16 de agosto de 2001), impoñendo unhas condicións para a protección das augas, da paisaxe, do patrimonio, etc.,

5 de setembro de 2003

A Plataforma Anti-Vía Rápida do Morrazo, diante dos últimos acontecementos que se están a producir coa realización das obras da VR, queremos manifestar o seguinte:

10 de xullo de 2003

A Plataforma Anti Vía Rápida do Morrazo mantivo unha xuntanza co novo equipo de goberno do concello de Moaña o xoves da semana pasada.

Abril 2003

A CONSELLERÍA DE OBRAS PÚBLICAS BÚRLASE DO MORRAZO.  

28 de marzo de 2003

A Plataforma Anti-Vía Rápida do Morrazo recibiu recentemente resposta do Valedor do Pobo á última reclamación que se fixo en xuño de 2002 denunciando o incumprimento por parte da CPTOPV das condicións establecidas na D.I.A.